09/06/2023 07:46

Que é o PERE?

O padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) é o ficheiro nacional que contén as inscricións das persoas que gozando da nacionalidade española viven habitualmente fóra de España, sexa ou non esta a súa única nacionalidade. Constitúese a partir dos datos existentes nos Rexistros de Matrícula de residentes das Oficinas Consulares no estranxeiro.

Para a formación e mantemento do ficheiro nacional PERE, as Oficinas ou Seccións Consulares remítenlle mensualmente ao Instituto Nacional de Estatística, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, as altas, baixas e modificacións que se producisen nos datos correspondentes dos Rexistros de Matrícula. A coordinación realízase conxuntamente cos datos correspondentes aos empadroamentos dos españois residentes en España.

Que datos contén o PERE?

A inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro contén os seguintes datos: Nome e apelidos, sexo, lugar e data de nacemento, número do documento nacional de identidade ou pasaporte, certificado ou título escolar ou académico, domicilio no país de residencia e concello de inscrición en España a efectos electorais, ademais da data de inscrición no mesmo.

Como consultar o PERE?

Calquera interesado que poida identificarse electrónicamente mediante un sistema Cl@ve poderá consultar telematicamente os datos da súa inscrición no ficheiro nacional PERE. Non se facilitará información cando os datos de identidade do sistema Cl@ve non coincidan cos da súa inscrición no PERE.

Quen pode consultar o PERE?

Calquera persoa interesada que estea inscrita como residente no Rexistro de Matrícula Consular correspondente á demarcación consular na que resida habitualmente.

Que datos amosará a consulta?

O resultado da consulta amosará os datos de inscrición correspondentes á última variación dispoñible, así como a data de inscrición no ficheiro nacional PERE. Esta información preséntase en pantalla e poderá ser impresa.

Onde se debe solicitar a inscrición ou modificación dos datos?

A formación, mantemento, revisión e custodia do Rexistro de Matrícula Consular corresponde ás Oficinas consulares e, no seu caso, ás Seccións consulares das Misións Diplomáticas de España. Por iso a solicitude de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular correspondente á demarcación consular na que resida habitualmente ou a modificación dos datos de inscrición, no caso de non estar actualizados ou ser errados, débese solicitar na Oficina Consular correspondente á súa residencia habitual, tendo en conta que se realizou recentemente algunha destas xestións na súa Oficina Consular, o ficheiro nacional PERE presenta un desfase na súa actualización respecto a aquel de dous meses.

©  INE 2023      Avda. Manoteras, 52 - 28050 - Madrid - España Tlf: (+34) 91 583 91 00