22/03/2025 03:33

Que é o PERE?

O padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) é o ficheiro nacional que contén as inscricións das persoas que gozando da nacionalidade española viven habitualmente fóra de España, sexa ou non esta a súa única nacionalidade. Constitúese a partir dos datos existentes nos Rexistros de Matrícula de residentes das Oficinas Consulares no estranxeiro.

Para a formación e mantemento do ficheiro nacional PERE, as Oficinas ou Seccións Consulares remítenlle mensualmente ao Instituto Nacional de Estatística, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, as altas, baixas e modificacións que se producisen nos datos correspondentes dos Rexistros de Matrícula. A coordinación realízase conxuntamente cos datos correspondentes aos empadroamentos dos españois residentes en España.

Que datos contén o PERE?

A inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro contén os seguintes datos: Nome e apelidos, sexo, lugar e data de nacemento, número do documento nacional de identidade ou pasaporte, certificado ou título escolar ou académico, domicilio no país de residencia e concello de inscrición en España a efectos electorais, ademais da data de inscrición no mesmo.

Como solicitar un certificado de inscrición no ficheiro central do PERE?

Calquera interesado poderá descargar o impreso de solicitude de certificado de inscrición no ficheiro nacional PERE. Unha vez enchido e impreso debe envialo á Delegación Provincial da provincia de inscrición a efectos electorais tal e como se indica no impreso.

Xunto á solicitude deberase achegar unha copia dun dos documentos seguintes, como forma de acreditar a identidade do solicitante: DNI, pasaporte, certificado de nacionalidade española ou de inscrición no Rexistro de matrícula consular correspondente á súa residencia.

Para os menores de idade ou maiores de idade incapacitados a solicitude debe ser realizada polo pai, nai ou titor e achegar copia do documento de identidade ou pasaporte expedido polas autoridades do país da súa nacionalidade, ou para os españois, como alternativa, certificado de nacionalidade española ou de inscrición no Rexistro de matrícula consular correspondente á súa residencia e ademais copia dun dos seguintes documentos acreditativos da filiación ou tutela: libro de familia, certificado de nacemento, resolución xudicial de recoñecemento de custodia e, no caso dos maiores de idade incapacitados, resolución xudicial de incapacidade.

Onde se debe solicitar a inscrición ou modificación dos datos?

A formación, mantemento, revisión e custodia do Rexistro de Matrícula Consular corresponde ás Oficinas consulares e, no seu caso, ás Seccións consulares das Misións Diplomáticas de España. Por iso a solicitude de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular correspondente á demarcación consular na que resida habitualmente ou a modificación dos datos de inscrición, no caso de non estar actualizados ou ser errados, débese solicitar na Oficina Consular correspondente á súa residencia habitual, tendo en conta que se realizou recentemente algunha destas xestións na súa Oficina Consular, o ficheiro nacional PERE presenta un desfase na súa actualización respecto a aquel de dous meses.

©  INE 2025      Avda. Manoteras, 52 - 28050 - Madrid - España Tlf: (+34) 91 583 91 00