13/11/2024 12:42

Que é o padrón municipal e que é a base padroal do INE?

O padrón municipal é o rexistro administrativo onde constan os veciños do municipio. Toda persoa que viva en España está obrigada a inscribirse no padrón do municipio no que resida habitualmente e quen viva en varios municipios deberá inscribirse unicamente no que habite durante máis tempo ao ano. A formación, mantemento, revisión e custodia do padrón municipal corresponde ao concello, e os seus datos constitúen proba da residencia no municipio e do domicilio habitual neste.

Para levar a cabo a coordinación de todos os padróns municipais, evitando duplicidades entre eles, o INE dispón dunha base padroal formada con todos os padróns municipais que se actualiza mensualmente coas variacións que envían os concellos. Esta coordinación tamén se leva a cabo co Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro.

Como consultar telematicamente o histórico de municipios na base padroal do INE?

Calquera persoa que conte cun certificado electrónico poderá consultar telematicamente a relación de municipios nos que estivo ou está empadroada, segundo a base padroal do INE.

A petición poderá ser realizada mediante o acceso á consulta telemática do histórico de municipios na base padroal do INE, dispoñible na sede electrónica do INE, acreditando a identidade con sinatura electrónica recoñecida. Non se facilitará información cando os datos do certificado electrónico de identidade non coincidan exactamente cos da súa última inscrición padroal.

Quen pode consultar telematicamente o histórico de municipios na base padroal do INE?

Calquera persoa interesada que estea ou estivese inscrita no padrón municipal dalgún concello e dispoña dun certificado electrónico recoñecido pola sede electrónica do INE.

Que datos amosará a consulta?

A relación de municipios nos cales a persoa interesada estivo empadroada na base padroal do INE, dende a súa formación, a 1 de maio de 1996, ata a súa última actualización.

Esta información preséntase en pantalla e poderá ser impresa.

Por que a base padroal do INE pode non conter todos os municipios nos que vostede estivo empadroado?

Porque se formou a partir dos ficheiros da última renovación padroal referida ao 1 de maio de 1996 e foi creada para a coordinación de todos os padróns municipais, evitando duplicidades entre eles, sen que dende a súa concepción tivese a finalidade de poder certificar sobre os seus datos, función exclusivamente reservada aos concellos.

De maneira que a lexislación establece que os datos dos padróns que obren en poder do Instituto Nacional de Estatística non poderán servir de base para a expedición de certificacións ou volantes de empadroamento, xa que estes serán expedidos polo secretario/a do concello ou funcionario/a en quen delegue, e son os que teñen carácter de documento público e fidedigno para todos os efectos administrativos como proba da residencia no municipio e do domicilio habitual nel.

A formación da base de coordinación foi un traballo complexo. Tardáronse varios anos en dispoñer do ficheiro padroal de todos e cada un dos municipios españois e non se pode garantir a súa completitude a nivel de histórico nin a exactitude das datas. Así mesmo, poden existir períodos con inscricións simultáneas en máis dun municipio ou durante os que non conste inscrito en municipio ningún. Isto ocorre por existiren variacións padroais rexeitadas por falta de axuste ás especificacións establecidas ou pola propia coordinación da base, o cal impide a súa incorporación con efecto retrospectivo cando xa se dispón dunha versión máis actualizada do habitante. Polo tanto, poden non figurar tramos previos da historia do seu empadroamento, así como períodos duplicados ou inexistentes.

Por este motivo, o INE desenvolveu aplicacións e bases de datos para dar cumprimento ao que lle obriga a lexislación que en ningún caso é certificar nin dispoñer de históricos.

Onde se debe solicitar a expedición de certificacións ou volantes de empadroamento coas datas de inscrición e datos de domicilio?

Se precisa obter a expedición de certificados ou volantes de empadroamento con especificación dos períodos e domicilios de empadroamento na relación de municipios obtidos da base padroal do INE, deberá dirixirse directamente aos respectivos concellos.

©  INE 2024      Avda. Manoteras, 52 - 28050 - Madrid - España Tlf: (+34) 91 583 91 00